Vistas de página en total

jueves, 25 de junio de 2015

O goberno de Oujo "será o mais caro da historia de Porto do Son"

Os socialistas afirman que o goberno municipal costará aos soneses preto de 200.000 euros ao ano, a pesar da entrada en vigor da lei que limita os soldo dos alcaldes en función da poboación do concello.

Solicitan a celebración dun pleno ao mes para garantir unha maior transparencia e participación da oposición.

Porto do Son, 25 de xuño de 2015.  A voceira do PSdeG-PSOE en Porto do Son, Josefa Hermo, afirmou hoxe que o goberno municipal presidido por Luis Oujo “será o máis caro da historia do municipio”, a pesar da entrada en vigor da Lei de Racionalización e Sostenibilidade da Administración Local, que limita o soldo do alcalde, pois suporá para as arcas públicas un desembolso de preto de 200.000 euros ao ano, unha cifra que considerou “desmesurada” para un concello de menos de 10.000 habitantes.

En concreto, o goberno do Partido Popular aprobará no pleno de hoxe xoves un salario de 39.300 euros anuais brutos para o alcalde, “unha cifra semellante á que cobrará o novo alcalde da cidade da Coruña”, criticou a edil socialista; tres dedicacións parciais de 24.700 euros ao ano e unha cuarta parcial de 19.600 euros, ademáis dun cargo de confianza adscrito á alcaldía orzamentado en 18.000 euros ao ano.

Todo elo, sumado ás cotizacións á Seguridade Social e ás reunións semanais da Xunta de Goberno fixadas en 150 euros por concelleiro e sesión suporán, segundo os cáculos efectuados polo PSdeG, un desembolso duns 200.000 euros cada ano, que consideran “demasiado elevado” e que se sitúa “nó máximo que permite a lei en canto a salarios e dedicacións”.

Estas cifras contrastan, segundo o PSOE local, “cos mínimos legais que o goberno municipal de Oujo aplica como criterio para fixar aquelas cuestións que teñen que ver co funcionamento e a transparencia do Concello”, como a periodicidade das sesións plenarias, que seguirá sendo de unha cada dous meses, en concreto “o segundo xoves de cada mes impar”, ou a exclusión da oposición de órganos como a mesa de contratación.

Neste sentido, os socialistas anunciaron que solicitarán a celebración dunha sesión plenaria ao mes, restando competencias á Xunta de Goberno, “que non son públicas e cuxas deliberacións son segredas”, co obxectivo de “favorecer o debate político nun foro público "nun momento no que a cidadanía esixe administracións máis transparentes”.